Un mundo de palabras dálle continuidade ao proxecto concibido polo autor e cuxo primeiro froito foi O rastro que deixamos (2012). Reúne diferentes textos que presentan unha dupla perspectiva arredor do acto de ler e do amor pola literatura. Atoparemos neles a memoria do lector que foi ao longo da súa vida, a partir do momento en que, da man do seu pai, entrou nun mundo que decontado o fascinou. Mais tamén accederemos ás reflexións de signo máis teórico que responden á visión e ao intenso labor do experimentado docente. Nelas afonda, entre outros aspectos, no concepto de lectura como ferramenta de acceso ao coñecemento e na súa importancia para construír unha sociedade moderna, xusta e máis libre. Convencido de que as aulas son un espazo privilexiado para a transmisión do virus da lectura e para a súa promoción, incide no decisivo papel dos docentes e na necesidade de renovar e reinventar as estratexias de animación, achegando as súas propias propostas.