Lume de cobiza é a cuarta entrega da aventuras do detective Frank Soutelo, de orixe galega afincado en Los Ángeles. Frank vén de vacacións en agosto de 2006 a Muros, á casa da súa tía e a súa curmá. Aquí atópase cunha polémica vaga de incendios forestais que se imputan a intereses urbanísticos, ás persoas que traballan na extinción de incendios, e mesmo a motivos políticos. A súa curmá pídelle que axude a unha amiga de Sanxenxo á que lle morreu o fillo e cuxa familia sospeita que foi unha morte inducida. A través da investigación mergullámonos no mundo da especulación urbanística. Personaxes como o sepultureiro Sugar Jones, que di andar por Galiza como doutor participante nun congreso, unha detective local que o axuda no caso e un ex-gardacivil que rexenta un bar en Muros, completan esta historia de actualidade.